Thursday 25 de April de 2024

O ciclo TRC-Danza, que acolle o Teatro Rosalía de Castro, despídese esta semana ata setembro con tres espectáculos previstos


A programación do ciclo abrangue tanto a compañías galegas como foráneas. As entradas para os espectáculos que poñen fin á tempada de primavera, previstos entre xoves e sábado, xa están á venda
A tempada de primavera do ciclo de artes escénicas TRC-Danza, que este ano chega á súa décimo primeira edición, conclúe esta semana no Teatro Rosalía de Castro con tres espectáculos previstos entre xoves e sábado.

O Festival TRC-Danza Primavera comezou o pasado venres 29 de abril, coincidindo co Día Internacional da Danza, cunha programación de sete espectáculos que abrangue a compañías galegas, e tamén foráneas, no contexto dun programa variado que atende ás artes minorizadas e tamén a espectáculos para públicos maioritarios.

Esta recta final da tempada de primavera comezará o xoves 12 (20.30 horas) con ‘Void void void’, de Oasis Paraíso e María R. Soares. O espectáculo preséntase en formato performance e supón unha oportunidade para achegarse ao traballo artístico de María R. Soares, bailarina e performer, e de Antonio Marotta, músico. Xuntos, dan forma a un espectáculo, en tempo real, dos sons que habitan o espazo performativo.

Xa o venres 13 (20.30 horas), será o día para gozar coa compañía oleirense Elahood, orientada a danza urbana e creación contemporánea, e que dirixen Sabela Domínguez e Julia Laport, recentes gañadoras do Primeiro Premio e o Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid por ‘Intempestiva’. No Teatro Rosalía de Castro interpretarán ‘Nó’, un espectáculo que convida ao público a unha viaxe onírica, estirando e deformando o significado do que é importante.

Por último, o sábado 14 (20.30 horas) e xa como peche definitivo desta tempada de primavera, o artista multidisciplinar Félix Fernández interpreta ‘Constantes do porvir’, unha peza de artes vivas que conxuga a danza coa tecnoloxía e os audiovisuais, coa intención de atravesar os desexos e intuicións da nosa sociedade en relación ao tempo futuro.

As entradas, á venda
As entradas para asistir aos tres espectáculos do ciclo TRC-Danza previstos esta semana poden adquirirse en liña a través da web Ataquilla.com ou de forma presencial, no despacho de billetes do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) sito na praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas) con prezos de 8 a 12 euros para o público xeral.

Os billetes tamén poderán adquirirse os mesmos días dos espectáculos, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

Outros seis espectáculos na programación de outono
Tras a primeira fase de programación prevista nesta primavera, o ciclo TRC-Danza volverá á actividade no mes de setembro, con outros seis espectáculos previstos entre os días 16 de setembro e 25 de novembro.

Será o momento para gozar con obras como ‘Flamingos’, de Albert Quesada. O cartel de outono, que conta con múltiples artistas de referencia, comezará co coreógrafo coruñés Javier Martín e a súa proposta escénica ‘Figuras do limiar’.
● Venres 16 de setembro (20.30 horas): ‘Figuras do limiar’, de Javier Martín.
● Sábado 8 de outubro (20.30 horas): ‘INA’, de Paloma Hurtado e Daniel Morales.
● Sábado 29 de outubro (20.30 horas): ‘A muerte’, de Hermanas Gestring.
● Sábado 5 de novembro (20.30 horas): ‘Flamingos’, de Albert Quesada.
● Domingo 13 de novembro (20.30 horas): ‘Mortais e vulnerables’, de Furia Sotelo.
● Venres 25 de novembro (20.30 horas): ‘El hijo’, de Daniel Abreu.

As múltiples actividades da Programación Expandida
Recintos municipais como o Fórum Metropolitano, o Ágora e o propio Teatro Rosalía de Castro participan no proxecto da Programación Expandida que acompaña ao ciclo TRC-Danza. Baixo a coordinación de Caterina Varela promoveranse un ciclo de cinema e danza, os talleres de público para compartir e conversar sobre o eido da danza e a creación contemporánea e obradoiros formativos sobre técnicas de movemento, entre outras iniciativas.